A Asociación "Padroado do
Museo do Pobo Galego", constituída en Santiago de Compostela o 31 de xullo
de 1976, ten como obxectivos investigar, conservar, divulgar, defender e
promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e concretamente, crear e
manter un museo ao servizo destes obxectivos.
Dende a fiestra da torre a condesiña ten os seus ollos chorosos enfiados na derradeira revolta do camiño, por onde un día fuxeu a súa ledicia de namorada. Co verme dos ciumes rillándolle o corazón a condesiña vai morrendo pouquiño a pouco na fiestra da torre.
E pasan días e meses e anos, esculcando no camiño a volta do seu amor. E nun serán de pensamentos velaíños, relembrando aquel bico que se deron a furto, a condesiña belida morréuse de amor.
Velahí como cantan as xentes a morte da namorada.
Este sartego encerra dende hai centos de anos as cinzas da malfadada condesiña, e a lenda que se conta de vellos e mozos colléu pulo sentimental no moimento de pedra, hucha misteriosa para todos os espíritos románticos.
Unha vez foi aberto polos intelectuales da vila, e dentro atoparon ósos, retrincos de lenzos, pó e... carabuñas de cereixas para encher dúas cuncas.
Por certo que o médico, home de moitos anteollos e de moita caspa na chaqueta, díxolle ao boticario:
-A condesiña do que morreu foi dunha enchente de cereixas...
Hai homes que non saben calar.
Castelao