Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado, e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo.
¿Tendes
reparado nos nosos cruceiros aldeáns? Pois reparade.
A Virxe das
Angustias, enclavada no reverso de moitas cruces de pedra, non é a Piedá dos
escultores; é a Piedade creada polos canteiros.
Os nosos
canteiros, deixándose levar polo sentimento, non podían maxinar un home no colo* da nai.
Para os
artistas canteiros Xesucristo sempre é pequeno, sempre é o Neno, porque é o
Fillo, e os fillos sempre somos pequenos nos colos das nosas nais.
Reparade nos
cruceiros e descubriredes moitos tesouros.
Castelao
* regazo
Ós pés do Santo Cristo da Agonía
xuntas van a rezar
náis, mulleres e mozas dos soldados
que loitan contra o Islán.
O mesmo rogan, mais... ¡qué diferenza
n-esas pregarias hai!
Soñadoras, as noivas din: “!Señor,
que volva Xeneral!"
As mulleres, pensando nos filliños,
rezan murchas: "¡Señor, que volva sán!"
E afogadas en puro amor, somentes
"¡Que
volva!" din as nais.
Ramón Cabanillas