Blogs que sigo

viernes, 23 de febrero de 2018

Mollet




Galván en Saor  (fragmento)

Xeaba serenamente. Galván e Silvania quedaron un pedazo en silencio, e non se acordaron de cea ningunha; porque moi demorado fora o xantar, e o seu longo ollarse non lles espertaba vulgar apetito. Silvania acendeu lume na lareira da estancia, e séñer Galván acercouse a un laúde que estaba pendurado nunha parede, e agarimoulle cos dedos a caixa, e terminou colléndoo nas mans. Pulsou as cordas para probarlle o tempero coma trobador entendido, e axeonllouse nunha pelica de oso ó carón do lar, case ós pés de Silvania, que sentara no escano. Esta foi a balada á maneira de Francia que cantou séñer Galván con voz baixa e grave:

Se algunha vez, señora, che prouguera
 pensar que hai prata nos cabelos meus,
 e cres que o fogo que de mozo houbera
 perdeu a forza e os ardores seus,
 erro terás, pois cos antigos breus
 poder de arder prosegue o seu costume,
 tal que arde en min a luz dos ollos teus,
 e hai baixo a neve espirito de lume. 

Arden en min con lume máis contido
 quizais as lapas de sereno amor, 
pero máis dura fogo que é escondido
 ca aquel que mostra fóra o seu ardor;
 e se a fogueira prende no interior
 a ardencia súa nunca se consume,
 e anque pareza fría no exterior,
 hai entre a neve espírito de lume.

Moitos invernos teño xa pasado,
 e ben coñezo as portas da friaxe,
 mais tanto frío ten acrecentado
 dentro de min a forza da fogaxe,
 e o corazón, por se gardar de ultraxe,
 contra a xeada deita ardente zume,
 tal, que xa preto da final viaxe,
 hai entre a neve espírito de lume. 

Ouh dóce amiga, se inda arder quixeras,
 fai que a túa lapa canda a miña alume:
 arde o meu val, se está nevado o cume,
 e anque son idas moitas primaveras,
 hai entre a neve espírito de lume. 

Calou Galván e calou Silvania, acollidos no círculo de luz da fogueira, xa sentados os dous no escano en tenra posición. Pasaron as horas con poucas palabras e moitos silencios, e ó fin Silvania dixo: 
—Galván, é xa ben hora de te ires deitar, se queres mañá saír cedo. Mais pensa se non é mellor fuxirmos deste castelo que xa non amo moito, pois eu de grado iría contigo, aínda que fose á Bretaña para morrer alá canda ti. 
—Dóce amiga, tal cousa non pode ser, nin querería que deixases esta morada que aínda, se podo, farei outra vez agradable ó teu corazón. Antes quixera quedar eu tamén aquí, se non fora que o meu fado me preme onde quizais teño que morrer. Pero tal día pode quedar aínda algo lonxe, e ti quereres que estea mentres tanto contigo. 
—Déitate logo, dóce amigo, que é medianoite xa. 
—Nunca tan pouca gana de durmir tiven, creo, mais non quero desobedecerche e farei a túa vontade, agora e despois e sempre, agás en ficar aquí, pois iso paréceme cousa que non está no meu poder. 
Saíu Silvania da estancia, e séñer Galván espiuse e deitouse no seu leito ó esmorecente fulgor do lume. Pechou os ollos, non para durmir, senón para entregarse máis a gusto ós seus pensamentos, e neles seguía estando case visiblemente Silvania. Pasaron os instantes, magnificados polo fondo silencio da noite, e pareceulle que pola porta da sala entrase un resplendor dourado coma a cabeleira de Silvania, e que se dirixise ó seu leito, e que viñese voando engordiño, coma se fose unha cabeleira cuxo corpo estivese envolto nun manto escuro que a penumbra fixese indistinguible, non deixando ver nada entre os cabelos e o chan. Pareceulle que a cabeleira se detivese diante del, e que se inclinase sobre o seu rostro, e que uns labios secos e ardentes se pousasen nos seus ardentes e secos labios, case coma unha brasa que despois se derretese coma cera. Pareceulle que aquel fermoso rostro se erguese, e viuno branquear entre as sombras, e pareceulle oír un suavísimo ruído de teas que escorregasen e caesen no chan, e que ante a súa vista se alzase un fermosísimo corpo. Pareceulle distinguir uns brancos pés sobre a escura madeira do piso, e que sobre dos pés se erguían unhas marmóreas columnas (pero de cálido fulgor) que ían engrosando harmoniosamente labradas, e que se estreitaban despois, e que logo se anchecían outra vez máis aínda, suavísimas e dóces, ata o lugar en que se xuntaban co corpo formando un escuro triángulo que quizais fose dourado á luz do día. E pareceulle ver un branquísimo ventre gloriosamente arredondado nunha leve prominencia, e unhas anchuras carnosas antes de estreitarse nunha cintura branca delgadiña, e que no medio do ventre había un pequeno caracol ou cuncha; e uns brancos brazos parecían pendurar case impúdicos ós lados de tanta gloria, e entre as súas partes máis altas e grolizas cría ver dous brancos outeiros, pequeniños e tesos e dondos, e que no medio de cada un florecía unha rosa cos seus escuros pétalos soldados entre si, e un alto pistilo. E pola parte de arriba parecíalle que as abas dos outeiros ían morrer pé duns ombros cumpridos e redondos e perfectos, e séñer Galván sentiuse case morrer cando lle pareceu que a fermosisima aparición sorría e alzaba a colcha e se metía cabo del no leito e se aconchegaba ó seu corpo, e parecíalle senti-lo ardor daquel corpo sumándose ó seu ardor. E Galván abriu os ollos, e viu cabo de si deitada a Silvania, e a súa pel sentiu a pel dela, e os seus oídos oíronlle dicir:
—Dóce amigo, non podía durmir no meu leito frío, e veño a ti de noite coma ladroa. Ergue a túa lanza, Galván, e xusta comigo, pois quero lidar ata que veña o día, e ogallá non viñera nunca e esta noite durara toda a nosa vida.
—Dóce amiga, nunha noite poden andarse tódolos camiños da vida máis longa, e poden nacer dentro dela outras noites e outros días. Achégate máis aínda a min, dóce amiga, e pensemos que o noso vivir cabe no espacio desta noite, e nazamos e medremos e envellezámo-los dous no transcurso destas poucas horas que nos son dadas.
As mans de Silvania rodearon a cabeza de Galván e xuntárona coa súa. Labios xa mollados uníronse, e Galván sentiu unha lingua móbil que entraba na súa boca, atal que unha serpe queimante, e que erguía na del un agredoce arrepío coma de mel e salmoira. As mans de Galván cinguiron a cintura de Silvania e apretárona contra si, e mentres sentía suavemente as unllas dela nos seus ombreiros, empezou a percorrerlle a espalda con dedos suaves, e en chegándolle case ós ombreiros pasoulle as mans por debaixo dos brazos, arqueándose un pouco para atrás, e encontroulle as tetiñas e colleunas na cunca da mans, e achounas de xusta medida, e sentiu nas palmas a docísima presión dos botóns que latían, e agarimounos cos polgares, e Silvania sacudíalle a lingua entre os dentes. Baixou Galván a man esquerda, abandonando á dereita o territorio todo que antes con ela compartía, e separou as dondas coxas de Silvania, e enguetou naquel fino veludo os seus dedos, e un índice sabio buscou sen présa un húmido lugar que de contado pareceu inundarse de zumes inacabables. Non apurou Galván, que sentía a súa lanza dura e ansiosa coma endexamais, senón que seguiu agarimando con suavidade un pequeno bailarete que rebillaba baixo as caricias, e non deixou de acaricialo gozosamente ata que, tremendo de impaciencia e case con torpeza, Silvania lle apartou a man coa súa, e colleu a lanza de Galván e apretouna fortemente, e dirixiuna ó lugar mollado, e pasando unha perna por riba del fíxoa chantar profundamente no seu lugar, e empezouse a mover cada vez máis rápida, estrincándose enriba del en ángulo, cozando e golpeando veludo contra veludo con forza case dolorosa. E de súpeto rompeuse algo o ritmo, e agarrouse a Galván dando gritos contidos e fondos, e as súas fortes mans apretaron os lombos de Galván, que se sentiu derreter e desfacer desde a fondura das súas partes baixas, e berrou coma xabarín e venceuse baixo o peso de tanto gozo; e Silvania caeu sobre o seu peito mesturando bágoas coa suor de Galván, e os zumes cos zumes seus, e a saliva coa súa saliva.  

Darío Xohan Cabana